Archivo de la etiqueta: austericidio

PSOE e PP son a mesma cousa

Unha das leccións aprendidas tras un mes e pouco no Concello de Santiago é que PSOE e PP son a mesma cousa, as súas propostas e intereses son idénticas, so cambian na forma de explicalo nos medios. 

Compostela Aberta (CA) foi a forza política máis votada nas eleccións de maio. No seu programa apostaba claramente pola Compostela Social, pola reducción da pobreza e da exclusión social, sendo un dos temas centrais da campaña a proposta da Rede Galega contra a Pobreza para Santiago:  Dobrar o investimento social, de 55€/hab/ano a 110€/hab/ano, chegando á media do resto de concellos galegos.

Cando nos vimos co PSOE de Paco Reyes o 4 de xuño, unha das súas 6 condicións para apoiar a investidura era incrementar x3 o gasto social. Ao PSOE non lle chegaba con dobralo, tal e como propuña CA, o PSOE esixía triplicalo: 160€/hab/ano en investimento social para 2019. Ah!, por fin volveron os socialistas? Non, era so un xesto de cara a galería, pura hipocresía (de pequenos a esto lle chamábamos “mentir”, pero non é unha palabra politicamente correcta).

En números gordos:

  • O orzamento do Concello de Santiago en 2015 é de 102M€ [1], sen incluir as empresas municipais.
  • O investimento social en 2015 suma 5M€ [2], case o 5% do orzamento municipal anual.
  • A proposta de CA e A Rede Galega contra a Pobreza implica dobrar o gasto social, é dicir,
    5M€ máis. O PSOE esixía, en teoría, elevalo en 10M€.

O PP e o PSOE son o mesmo. A diferencia limítase ao que contan nos medios:

O PP vai de cara, é dicir, venden a falsa recuperación económica para defender a baixada de impostos. Total, menos ingresos públicos, menos servizos públicos, máis negocio. O seus grandes éxitos de xestión inclúen depuradoras que non depuran (Ferrol) e hospitais públicos con servizos privados (Vigo). Son cabezóns, pero van de cara, cara o austericidio. Foinos tan ben coa estratexia austericida…

O PSOE esixe publicamente o aumento do gasto social, tripicalo, pero rebaixando os ingresos fiscais. Gastar 10M€ máis cada ano nun orzamento total de 102M€, pero ingresando menos. Claro…. Déixame revisar o meu libro de matemáticas de 2º de EGB, a ver onde saía a operación “multiplicación dos panes e dos peces”… Hipocresía, cinismo, disfrazados cunha flor na palabra socialistas.

Compostela é a cidade galega:

  • Con maior renda per cápita, con diferencia.
  • Con menor tipo de IBI de Galicia. Por exemplo, Vigo ten un tipo do 0,90, Santiago do 0,54.
  • Con menor inversión social per cápita de 6 das 7 cidades [3].

É normal que o PSOE se afundira nas eleccións de maio en Santiago. Para apostar polo neoliberalismo e o austericidio, a xente prefire votar aos profesionais do PP, polo menos van de cara. Sendo unha mala copia do PP, os socialistas de Santiago están abocados á irrelevancia electoral.

O problema é que as 18.000 persoas en risco de exclusión e pobreza, as persoas que máis sufriron os efectos da crise e as políticas de debilitamento dos servizos públicos, non poden esperar outros 4 anos por unha maioría absoluta de CA.

O bo de ter sido xerente e administrador de empresas durante 13 anos na miña vida profesional anterior, é que sei que os números non minten, minten as persoas. Esperaba algo máis dos socialistas e da súa suposta socialdemocracia. Pensaba que aprenderan a lección. Era un  inxenuo. Welcome to the jungle.

 

Links a datos públicos:

[1] Orzamento de ingresos previstos para 2015 (pdf)

[2] Orzamento de gasto social en 2015: Asistencia social primaria + UMAD (Unidade municipal atención á drogodependencia) + Atención á Muller + Atención a persoas migrantes

[3] Inversión social per cápita das 7 cidades, ano 2013: Lugo, 157 €/hab/ano; Ferrol, 109 €/hab/ano; A Coruña, 95€/hab/ano; Ourense 85€/hab/ano; Vigo, 67€/hab/ano; Santiago, 56 €/hab/ano; Pontevedra, 49€/hab/ano. 

 

Share