Unha das leccións aprendidas tras un mes e pouco no Concello de Santiago é que PSOE e PP son a mesma cousa, as súas propostas e intereses son idénticas, so cambian na forma de explicalo nos medios.
Compostela Aberta (CA) foi a forza política máis votada nas eleccións de maio. No seu programa apostaba claramente pola Compostela Social, pola reducción da pobreza e da exclusión social, sendo un dos temas centrais da campaña a proposta da Rede Galega contra a Pobreza para Santiago: Dobrar o investimento social, de 55€/hab/ano a 110€/hab/ano, chegando á media do resto de concellos galegos.
Cando nos vimos co PSOE de Paco Reyes o 4 de xuño, unha das súas 6 condicións para apoiar a investidura era incrementar x3 o gasto social. Ao PSOE non lle chegaba con dobralo, tal e como propuña CA, o PSOE esixía triplicalo: 160€/hab/ano en investimento social para 2019. Ah!, por fin volveron os socialistas? Non, era so un xesto de cara a galería, pura hipocresía (de pequenos a esto lle chamábamos «mentir», pero non é unha palabra politicamente correcta).
En números gordos:
- O orzamento do Concello de Santiago en 2015 é de 102M€ [1], sen incluir as empresas municipais.
- O investimento social en 2015 suma 5M€ [2], case o 5% do orzamento municipal anual.
- A proposta de CA e A Rede Galega contra a Pobreza implica dobrar o gasto social, é dicir,
5M€ máis. O PSOE esixía, en teoría, elevalo en 10M€.
O PP e o PSOE son o mesmo. A diferencia limítase ao que contan nos medios:
O PP vai de cara, é dicir, venden a falsa recuperación económica para defender a baixada de impostos. Total, menos ingresos públicos, menos servizos públicos, máis negocio. O seus grandes éxitos de xestión inclúen depuradoras que non depuran (Ferrol) e hospitais públicos con servizos privados (Vigo). Son cabezóns, pero van de cara, cara o austericidio. Foinos tan ben coa estratexia austericida…
O PSOE esixe publicamente o aumento do gasto social, tripicalo, pero rebaixando os ingresos fiscais. Gastar 10M€ máis cada ano nun orzamento total de 102M€, pero ingresando menos. Claro…. Déixame revisar o meu libro de matemáticas de 2º de EGB, a ver onde saía a operación «multiplicación dos panes e dos peces»… Hipocresía, cinismo, disfrazados cunha flor na palabra socialistas.
Compostela é a cidade galega:
- Con maior renda per cápita, con diferencia.
- Con menor tipo de IBI de Galicia. Por exemplo, Vigo ten un tipo do 0,90, Santiago do 0,54.
- Con menor inversión social per cápita de 6 das 7 cidades [3].
É normal que o PSOE se afundira nas eleccións de maio en Santiago. Para apostar polo neoliberalismo e o austericidio, a xente prefire votar aos profesionais do PP, polo menos van de cara. Sendo unha mala copia do PP, os socialistas de Santiago están abocados á irrelevancia electoral.
O problema é que as 18.000 persoas en risco de exclusión e pobreza, as persoas que máis sufriron os efectos da crise e as políticas de debilitamento dos servizos públicos, non poden esperar outros 4 anos por unha maioría absoluta de CA.
O bo de ter sido xerente e administrador de empresas durante 13 anos na miña vida profesional anterior, é que sei que os números non minten, minten as persoas. Esperaba algo máis dos socialistas e da súa suposta socialdemocracia. Pensaba que aprenderan a lección. Era un inxenuo. Welcome to the jungle.
Links a datos públicos:
[1] Orzamento de ingresos previstos para 2015 (pdf)